22.12.05

Até 2006! Que seja inesquecível.

O texto é de Xurxo Martínez Crespo e está em galego. Depois dele paro as teclas. Nada mais tenho a dizer a não ser que divulguem as linhas abaixo. Até 2006! Que seja um ano inesquecível para todos.

...Bolivianos e bolivianas de Bolivia...

Nin de Marte nin de Xúpiter. Tampouco os residentes nos Estados Unidos, que con dificultade falaban unha lingua imposta como a española. Bolivianos e bolivianas de Bolivia, de moito antes que Bolivia fora Bolivia elixiron a outro boliviano de Bolivia como o seu presidente.
Elixírono desa Bolivia “profunda” a forza de ser agochada, desa Bolivia, a verdade, que estaba nas esquinas, nas estradas camiñando dende as minas até a capital para manifestarse. Da Bolivia das “polleras” e os “bombines” que ninguén quería ver, a forza de vela en todas partes.
Parece que a historia se repite. Os que nada tiveron, os que de todo foron desposuídos, os que só quedaron coa súa identidade (o único inembargábel porque a miseria non se pode embargar) elixiron a un home que pasou as súas fames, que viviu a súa raza, a súa ausencia de escola, o racismo dos outros, a desposesión, o roubo; o de 1492, o dos feros casteláns, o dos brancos peninsulares, aquel outro dos Austrias, dos Borbóns, dos brancos crioulos, dos terratenentes republicanos, dos caudillos, dos orangutáns de uniforme de orangután, dos brancos estudados no estranxeiro, da familia Patiño, das transnacionais contra este pobo indefenso, armado só coas armas da razón da historia.
Pero aínda quedaban bolivianos e bolivianas en Bolivia, deses de moito antes que Bolivia existise. E non teño intención de facer análises que todos e todas coñecemos sen saber nin onde está Bolivia. Uns cantos levaron a gran vida a custa de moitos e moitas durante varios séculos. Iso rematou o domingo 18 de decembro. Por fin un boliviano manda en Bolivia. Agora Deus é negro e indio e a fame e o frío do Altiplano terá máis altivez e valentía porque un boliviano goberna en Bolivia elixido por bolivianos e bolivianas.
Fixeron falla máis de cinco séculos de aldraxe e vergoña, ninguén falaba de Bolivia. Da Bolivia das mulleres valorosas, das mulleres dos mineiros descalzos “chacchando” (mastigando en quéchua) coca, a folla sagrada dos deuses que permite enganar a fame que os propietarios dos narices do Norte desenvolvido querían e queren prohibir, pois consideran que lles afecta que os bolivianos e bolivianas, despois de milleiros de anos, aínda non sintan a fame negra sen trucos que a amortezan.
É mentira o que din de ti, Evo. Ti non es o defensor dos cocaleiros, Ti non es o “cocaleiro Evo Morales”. Ti es Evo Morales, boliviano de terceira, sen estudos elementais, pobre, abandonado á túa sorte, que é por certo a do teu pobo. Autodidacto, loitador, honrado porque nunca roubaches a ninguén, defensor dos que nada teñen, que son todos e todas os bolivianos que non eran cidadáns nin cidadás no seu propio país.
Os prestidixitadores das revistas, dos telexornais insisten no de cocaleiro, no de líder; pobres, non saben nin onde está Bolivia. Falan do futuro sen coñecer o pasado, o teu pasado e o pasado de todos e de todas os bolivianos que agora, por primeira vez na historia do voso país, mandan.
A historia é unha roda imparábel. Aquí, neste anestesiado Norte, obeso e amordazado polas rebaixas e os televisores de pantalla plana, somos moitos os que soñamos con milleiros de Evo Morales nas aldeas e nos pobos facendo unha patria grande para todos os homes e mulleres que se resisten, durante décadas, durante séculos, a ser desposuídos do seu.
Saudamos ao compañeiro Evo Morales como a ese pequeno grao de millo de Martí, ese pequeno grao de millo que contiña toda a dignidade do mundo, que contén ao pobo boliviano que saíu da mina esfameado cun cartucho de dinamita nunha man e na outra un voto que leva o teu nome.

Nenhum comentário: